
Rolando a pedra...
Previamente á realización da actividade, o alumnado procurará pola clase pequenos obxectos (como gomas, tapóns de envases, bolas de plastilina, chapas, botóns, gomas de borrar…) A continuación, realizaremos un traballo inicial baseado só na aprendizaxe do ritmo prosódico da canción.
Agora, realizaremos diferentes accións libremente polo espazo para habituarnos á lentitude do movemento que suporía desprazar unha pedra e para, a través dese movemento, tomar conciencia da métrica cuaternaria da peza.
Entre as accións posibles mentres recitamos o texto aprendido anteriormente atópanse as balanceos con brazos redondeados, como transportando unha pedra xigante imaxinaria que moveremos lateralmente, cara á dereita e cara á esquerda, pasando o peso do corpo de un a outro pé, balanceándonos cada dous pulsos durante a primeira frase. Se queremos podemos modificar a direccionalidade do balanceo de adiante/ atrás durante a segunda frase. Como posibles variantes están: empurrar / retirarse, lanzar ao aire / recoller, tirar / afrouxar ou movementos propostos polo alumnado, con ou sen desplazamento polo espazo.
Unha vez traballado o balanceo centramos a atención na palabra “ou”. Cada vez que a pronunciemos, faremos o xesto de levantar coas dúas mans a pedra imaxinaria.
Despois de verse familiarizados/as coa canción e ter lograda, ademais, a percepción clara da métrica, retomaremos a posición en círculo e traballaremos por imitación do mestre/a.
O proceso descríbese a continuación:
1º) Cada neno ou nena coloca o obxecto que escollera anteriormente na palma da man esquerda para realizar a seguinte secuencia de movementos percutindo coa man dereita en diferentes partes do brazo seguindo un desprazamento descendente durante 3 pulsos e atrapando o obxecto no último pulso.
2º) Unha vez aprendido, introducimos unha pequena incorporación. Desprazaremos o obxecto á man esquerda do compañeiro/a situado á nosa dereita no círculo. Cada vez que escoitemos “ou” teremos que repetir a acción de “pasar” a “pedriña”.

-Nas pulsacións que se corresponden cos 3 silencios, recolleremos a pedra coa man e nos prepararemos para volver a realizar a secuencia. Podemos susurrar a palabra “pe-dri-ña” como se fose un “eco”.

3º) Agora traballaremos o sexto compás, percutindo no brazo só as dúas últimas pulsacións do compás cuaternario.

4º) Finalmente, xa co apoio musical da canción, realizaremos todas as accións motrices aprendidas, utilizando os tres primeiros compases a xeito de “introdución”.

Cando xa teñamos afianzada a secuencia dos movementos, podemos dividir ao alumnado en equipos de 4 ou 6 compoñentes para realizalo de xeito simultáneo, coa motivación engadida de ter que prestar moita atención para tentar que nunca caia o obxecto ao chan, plantexándoo como unha pequena competición entre os grupos.
Tamén cabe a posibilidade de enriquecer a actividade propoñendo a súa realización modificando a lateralidade, o que suporía ter que desprazar o obxecto cara á esquerda.
Recoméndase a escoita da divertida diversión realizada por Eliseo Parra.